volver Voltar
abaixo   arriba

04/05/2009 - Raquel G.Estévez - Que é Benzón?:

Máis de dez anos compartindo o mesmo oficio, mistura de músicos e artistas transumantes, dando a valer a cultura galega, facendo música universal dende Galiza.
Vinte persoas unidas por un profundo amor á música tradicional e popular, ao  folk, pero tamén ao jazz e o pop. Agora, Fran Pérez, Pedro Lamas, Pedro e Pablo Pascual, Guillerme Fernández, Xavier Díaz, Germán Díaz e Odaiko  arranxan melodías tradicionais e composocións de Guadi ás que Uxía, Ugía Pedreira, Manolo Maseda e Rosa Bugallo contribúen coas súas letras.
Leilía, Abe Rábade, Santi e Uxía Cribeiro, Quim Farinha, Marcos Vázquez,Suso Iglesias,Sergio Sieiro, Xacobe Martínez Antelo e Leandro Deltell  aportan a súa impronta tocando ou cantando ao novo disco de Guadi Galego.
Benzón contén dez temas, dez universos distintos, un por canción, cun único nexo: a alma que comparten, a  envolvente e inconfundible voz de Guadi, tan segura de ser escoitada que pode permitirse o luxo de comportarse coma un instrumento máis, fundíndose nas melodías sen necesidade de estridencias, sen buscar protagonismo.
Benzón é o xeito que Guadi Galego atopou para dalas grazas a todos os que a teñen inspirado: ás músicas tradicionais, ás músicas de autor/a, as vivencias da música popular.
O título do disco é elocuente: benzón(bendición),palabra galega en desuso, case unida á divinidade, é reverencia, é dalas grazas por unha boa colleita, grazas por unha pesca abundante, grazas en definitiva por algo que é recibido coma un agasallo, envolto cunha portada de ceos, ceos galegos, ceos universais para un disco especial que como tal non vai ser tocado en directo, non haberá xira nin concertos. En realidade Benzón é un regalo para todo o que o escoita, así que: benzón, Guadi.

Raquel G.Estévez