volver Voltar
abaixo   arriba

10/05/2009 - texto Uxía:

Guadi Galego devece pola música tradicional galega. As súas cancións teñen ese sabor vello e novo a un tempo. Neste disco tivo o bo ollo de rodearse de grandes músic@s e letristas de aquí que revitalizan e perpetúan cunha visión contemporánea o noso rico e fermoso acervo popular. A inspiración e beleza dos arranxos veu dada quizais, polo amor profundo que profesan á nosa música e tamén ao traballo rigoroso de Guadi neste campo onde aínda hai tanto que arar.

Foi cociñado na casa, entre amig@s, cos aloumiños precisos. Ben o puido facer ela soa, pero quixo amosar o incríbel mosaico de creadores de mundos polos que ela tamén transita valente, ecléctica e sen prexuízos. Do novo folk ao jazz, do tradicional ao pop. Cando a escoitei por primeira vez díxome o meu instinto que nada volvería a ser igual na música galega dende a súa revolucionaria irrupción.

Hoxe está máis plena e madura ca nunca como compositora, letrista e intérprete e sabe moi ben de onde vén, cal é a súa orixe e sen perder de vista o berce, poderá alcanzar o universo todo coas mans. Da Paradanta a París, da Serra da Capelada á Habana.

Esta morena de Cedeira trae canda ela o recendo salgado dos portos do norte e a brisa fresca do talento mariñeiro prendido da súa voz. Na súa leira medran barcos vellos, utopías, folliñas de alecrín, o eco dos nosos antergos e unha fonte de melodías e palabras que nunca seca.

Cativa e seduce polo fondo sentimento que lle imprime á súa música, pola intensidade coa que di cada sílaba como se quixera salvarnos do medo e da dor. Emotiva e fráxil, serena que serpea nos nosos corazóns, os pés nus nunha terra que ama e que fai máis nosa cando ela a viste co seu canto.

O tempo se cadra, para de vez, e déixanos beber a amizade nunha taberna ao norte do alén.

BENZÓN, Guadi, en nome do futuro alentador que nos brindas a nós e aos que virán. Viva a terra que pisas!

UXIA.